Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

17/06/09

Na defensa da legalidade

Xosé

PROFESORES E PROFESORAS DO CEIP A RÚA (CANGAS), ANTE O PROCEDEMENTO ABERTO POLA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DE CONSULTA AOS PAIS E NAIS DO ALUMNADO DOS COLEXIOS PÚBLICOS E CONCERTADOS SOBRE O ENSINO DAS LINGUAS, QUEREMOS EXPRESAR AS SEGUINTES REFLEXIÓNS:


1.- A Lingua Galega na escola.

A actual situación de tratamento e uso da Lingua Galega nas escolas é a que quedou establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, elaborado por ducias de cualificados profesionais nun traballo serio e con rigor científico, e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004.

Neste Plan establecese para o Ensino obxectivos como:

  • Esixir o cumprimento da lexislación sobre o uso da lingua galega no sistema escolar de xeito universal e incondicionado e conseguir que en todos os centros educativos de Galicia exista unha planificación lingüística adaptada ás súas especificidades e orientada ao obxectivo legal de acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais.
  • Garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia.
  • Lograr que o ensino obrigatorio lle garanta unha boa competencia en lingua galega a todo o alumnado e que repercuta de forma positiva no seu uso, axudando así a superar o desequilibrio social no que se atopan o galego e o castelán.

Para o cumprimento destes obxectivos articulouse o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que establece...

  • Educación infantil: Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.
  • E. Primaria: Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio e educación para a cidadanía, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma.

Os profesionais do ensino sabemos que con estas medidas non se está a favorecer á lingua galega sobre a castelá, senón a compensar o desequilibrio que na sociedade existe a favor do castelán. Se non se potencia o galego na escola,... ¿en que outros ámbitos poden os nenos e nenas estar, hoxe en día, en contacto coa lingua autóctona?

Dende esta Escola, que xa con anterioridade ao Decreto viña aplicando estas medidas de apoio á lingua propia, podemos afirmar con resultados na man, que potenciar a aprendizaxe en galego nunca foi causa que impedira acadar unhas competencias educativas satisfactorias.

2.- A consulta ás familias.

A consulta aos pais e nais do alumnado escolarizado en colexios públicos e concertados que agora está levando a cabo a Consellería a través dos centros de ensino, deseñada á marxe da comunidade educativa e facendo responsables da mesma aos directores/as dos centros, é un documento pouco serio, carente de rigor científico e cheo de irregularidades na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, que farán pouco fiables os seus resultados:

  • Acaso un/a neno/a de 3 anos pode ser responsable de levar e traer unha enquisa?
  • Quen garante que a enquisa foi cumprimentada polo pai ou nai?
  • Que seguridade pode ter un pai ou nai que as súas opinións vaian ser lidas por alguén? Quen vai tabular os datos, en presenza de quen?...
  • Por que unha familia que ten tres fillos terá tres votos e a que ten un único fillo/a só un voto?
  • Por que poden opinar familias que para o próximo curso xa non terán fillos no ensino obrigatorio?
  • Por que os que terán fillos en Infantil-3 anos para o próximo curso, non poden opinar?
  • E os dos cursos vindeiros?

Esta consulta é tendenciosa cando propón unha resposta que provoca engano, como “todo en galego” para a opción de continuar coa legalidade actual, ou sexa o 50 % das materias en galego. Si, hai letra pequena, pero sabemos que tipo de documentos usan esa artimaña. É fácil que moitas familias se opoñan a que se ensine “todo en galego”.

Ademais, pode incurrir en ilegalidade por incumprir a normativa básica da Lei 15/1999, de 13 de decembro, Orgánica de Protección de Datos (LOPD).

A verdade é que costa pensar que un procedemento coma este, estea organizado por un organismo como a Consellería de Educación, da que agardamos unha elevada responsabilidade polo importante cometido que ten para o País.

3.- O papel da Consellería de Educación.

As leis obrígannos a todos. Mal vamos se os que as teñen que aplicar empezan por colocarse á marxe delas.

A Lei de Normalización Lingüística de Galicia (Lei 3/1983, do 15 de xuño, aprobada gobernando o Partido Popular), di:

Título III. Do uso do galego no ensino

Artigo 12.1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.

Artigo 13.2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

Está claro que o actual Goberno da Xunta de Galicia, non está a favor de cumprir a Lei, e como escusa argalla esta impresentable consulta, coa que xustificará que non por eles, senón por que o demandan as familias dos escolares, no ensino haberá que deixar a lingua galega reducida a unha presenza testemuñal, coa grave irresponsabilidade de non chegar a acadar os obxectivos que nos marca a lexislación e normativa coa que nos dotamos na democracia.

O sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade (pais e nais, profesionais, traballadores, comerciantes,... e cidadanía en xeral) e en ningún caso pode xustificarse unha decisión que afecta a todos/as só coa opinión persoal (e en moitos casos non informada) dunha soa parte. A lingua é o patrimonio cultural e histórico de máis valor de Galicia e compétenos a todas e todos os galegos e galegas a súa defensa e promoción.

Na defensa da legalidade,

Profesores e profesoras do CEIP A Rúa

Xosé / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

1 comentarios:

  1. Recolleron a nosa entrada en

    http://chuza.org/historia/os-claustros-de-tres-centros-de-ensino-posicionanse-contra-a-consulta/

    ResponderEliminar