Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

05/07/09

Nais e pais artellan unha plataforma a prol da gratuidade dos libros de texto

Ana

Arredor de 2.700 persoas asinaron xa en favor da reclamación. Nacida no Barbanza, a mobilización esténdese agora a todo o país.



A Pobra, Rianxo, Ribeira ou Boiro foron as vilas barbanceiras onde iniciou a súa actividade a bautizada Plataforma pola Gratuidade dos Libros de Texto. Nais e pais da zona comezaron a protesta pouco despois de coñecerse a intención da Consellaría de Educación de acabar co sistema que garantía o fornecemento de libros escolares de balde.

Facéndose eco do propio debate parlamentario aberto ao respecto desta viraxe, poñen cuestión o argumento de aforro exposto pola Xunta e reivindican a continuidade do dereito a libros de texto gratuítos. Organizados arredor das diversas Asociacións de Nais e Pais da comarca, este mesmo xoves presentaron oficialmente a iniciativa na Pobra. "Esixímoslle á consellaría que manteña o sistema de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio que se implantou en Galiza no curso 2003/04, negándonos rotundamente a mercar os libros de texto para o novo curso escolar se non temos garantías de que a gratuidade é universal", advirten.

Os promotores da iniciativa resumen en sete puntos a reclamación:

  • A gratuidade do ensino é un dereito consagrado na lexislación vixente.


  • A gratuidade dos libros de texto é unha conquista social de todos os galegos.


  • A intención do goberno galego de reducir gastos educativos, argumentada na crise económica, non debe afectar á gratuidade dos libros de texto, condición necesaria para acceder á igualdade de oportunidades na educación.


  • Dende hai 3 anos, todo o alumnado do ensino obrigatorio, en condicións de igualdade, recibe en préstamo os libros de texto que vai necesitar ao longo do curso escolar. Unha vez rematado o curso, os nenos devolven os libros, que serán usados ao ano seguinte por outros alumnos. Pasados 4 anos, os libros son renovados.


  • Todo isto significa que durante catro anos a administración non realiza novos investimentos, polo que, ao noso modo de ver o cambio do sistema de préstamo ao de libros en propiedade ten como único obxectivo o beneficio das editoriais, non entendendo o pretendido aforro económico.


  • O sistema de préstamo supón a implicación dos alumnos no coidado dos libros, fomenta a solidariedade e o respecto aos bens públicos, e dá paso adiante na defensa do noso patrimonio ecolóxico.


  • Por outra banda, non entendemos as formas da Consellería de Educación, que pretende impoñer unha política de fatos consumados durante a época estival, prexudicando directamente ás familias.

Ligazóns

Fonte: Vieiros, 3/07/2009


A platafoma de pais pola gratuidade dos libros de texto recolle 6.000 firmas


Os titores dos alumnos néganse a mercar os manuais de texto e non aceptan o argumento da Consellería de Educación de que aforra custos.


A Plataforma en Defensa da Gratuidade dos Libros de Texto recolleu nun día 6.000 firmas de apoio ao modelo de préstamo de manuais que o bipartito estendera a todos os niveis educativos na pasada lexislatura. Esta iniciativa constituiuse o pasado xoves na Pobra e aglutina a pais e nais da comarca do Barbanza, co obxectivo de recadar apoio en toda a comunidade.


A portavoz desta organización, Charo Varela, sinalou onte que non entenden o motivo polo que a Consellería de Educación “fulmina un modelo que viña funcionando ben”. Así mesmo, a portavoz da plataforma rexeitou o argumento da Administración de que o novo modelo permite un aforro do 30% na adquisición dos textos. “A Xunta adquiría os libros cada catro anos, cada paquete era utilizado por catro nenos, daquela pagaba un cuarto de libro porque ían pasando de man en man, pero eran do colexio”.


Os integrantes desta Plataforma advertiron de que se negan a mercar este material e resumen en sete puntos os motivos que teñen para adoptar esta postura. Así, consideran que a gratuidade do ensino é un “dereito consagrado na lexislación vixente” e califican o sistema anterior de “conquista social”. Ademais, afirman que a Xunta condiciona á igualdade de oportunidades dos nenos por reducir custos, a pesar de que a Administración non fai investimentos en catro anos. Sinalan que o préstamo implica aos nenos no coidado dos exemplares e que e a Consellería “optou por unha política de feitos consumados” no verán, perxudicando ás familias”.


AS ANPAS TOMAN MEDIDAS


A Confederación de Anpas de Galicia (Confapa) reuniuse onte para tratar, entre outros temas, o da gratuidade. A secretaria do organismo, Belén Ribeiro, asegurou que ao estar os nenos de vacacións non poden emprender accións, pero que convocarán ás familias a mobilizarse en setembro. “Os pais están indignados; tememos polas subvencións dos comedores e outros logros que se van a ir a pique dun momento a outro”, indicou.


Na mesma liña, o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez afirmou que co proxecto de Educación só 37.000 unidades familiares recibiran axudas, namentres que antes eran 167.000. Tamén aseverou que a Administración terá que facer unha achega un 25% superior con esta norma e que “tres de cada catro familias quedarán sen libros de balde”.


Fonte: Xornal. com, 4-7-09


Se queres asinar o escrito dirixido á Consellería
para que manteña o sistema de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio, que se implantou en Galicia no curso 2003/04,
fai clik na imaxe:




Ana / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

0 comentarios:

Publicar un comentario