Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

31/07/09

Publicados os resultados da enquisa sobre as linguas

Ana


Na consulta da Xunta aos pais gañan as dúas linguas, a pesares das eivas que ten

>> Anxo Lorenzo presentou os datos do polémico inquérito. A educación en galego e castelán gaña con certa vantaxe para este último.

>> En resumidas contas, na enquisa da Xunta opinou pouco máis da metade dos pais, con maior resposta do ensino privado, cando o público é maioritario en Galicia.

>> O Estatuto de Autonomía de Galicia obriga á Xunta a potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública.


As enquisas, debidamente organizadas, están amoreadas na planta baixa da Consellaría de Educación
As enquisas, debidamente organizadas, están amoreadas na planta baixa da Consellaría de Educación

Malia a súa ausencia na rolda de prensa, o conselleiro participou seguidamente nunha concentración de repulsa ao último atentado

Malia a súa ausencia na rolda de prensa, o conselleiro participou seguidamente nunha concentración de repulsa ao último atentado


O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou, en ausencia do conselleiro, Jesús Vázquez, os resultados da consulta ás familias sobre a utilización das linguas na educación non universitaria de Galicia, que será segundo a consellería o punto de partida para a elaboración do novo decreto do galego no ensino. Lorenzo destacou a participación do 58,7%, que foi especialmente elevada nos ciclos en Educación Infantil e Primaria, onde chegou ao 70,1% e ao 75,7%, respectivamente. Estes datos son máis elevados que os de Educación Secundaria (38,4%) e Formación Profesional (33,1%).

Non obstante, os datos ofrecidos pola consellería que dirixe Jesús Vázquez non están segregados por familia, hábitat, ou zona xeográfica. En resumidas contas, na enquisa opinou pouco máis da metade dos pais, a maior porcentaxe deles no ensino privado, cando o público é maioritario en Galicia. Aínda así para o secretario xeral de Política Lingüística, "os resultados demostran o interese dos pais e nais nas decisións que atinxen ao sistema educativo para os seus fillos". Ademais entenden dende Educación que "o conxunto das respostas das familias fan evidente que a sociedade galega se reafirma bilingüe, particularmente no ciclo de infantil. Neste ciclo, arredor do 60% dos pais afirman que os seus fillos aprenderon e falan habitualmente en castelán o que non supón inconveniente para que a maioría (53%) prefira unha aprendizaxe bilingüe".


"Estupideces"

Segundo Anxo Lorenzo, nas cinco semanas que durou o reconto das enquisas escoitáronse moitas "estupideces" sobre o proceso. Non aclarou moito máis.

En canto a contratación de empresas externas para levar a cabo o escrutunio das enquisas, o secretario xeral de Política Lingüística sinalou que a consellería contou cos servizos de Obradoiro de Socioloxía e con outra empresa á que alugaron un lector óptico para levar a cabo o reconto.


Valoración

Anxo Lorenzo reafirmou que á vista dos resultados "o marco normativo actual (do Bipartito) non se axusta ás preferencias dos pais", polo que a Consellería “terá en conta a opinión expresada libremente polas familias para a redacción do novo decreto”. Nembargantes, a Xunta deberá cumprir o Estatuto de Autonomía de Galicia, que considera o galego como a lingua propia de Galicia. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos os galegos teñen o dereito de coñecelos e de usalos. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, di tamén o Estatuto de Galicia.

O responsable de Política Lingüística incidiu en que “resta un importante labor por facer na consolidación da convivencia lingüística” xa que nas etapas de Primaria e Secundaria “o galego aínda non se percibe tan útil como o castelán”. Por este motivo, é necesario “revisar os modelos de normalización lingüística asumidos nos últimos 25 anos”. O obxectivo é que as dúas linguas “estean presentes na sociedade que construímos en igualdade”.

Igualmente, Anxo Lorenzo afirmou que "o galego necesita adaptarse aos desafíos e retos do século XXI, nun mundo cada vez máis global e competitivo, pero que esta adaptación non pasa por fórmulas de illamento que xa demostraron a súa escasa utilidade". Por iso, Lorenzo chamou ao consenso dos axentes políticos, sociais e educativos para que o novo decreto “desenvolva un modelo lingüístico plurilingüe de calidade, que asegure o coñecemento do galego e do castelán”.


Ana / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

0 comentarios:

Publicar un comentario