Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

31/12/09

Un paso atrás para o galego

CEIPARUA
O novo decreto supón o primeiro retroceso para o galego no ensino

Noticia publicada en




A maioría de pais decidirá a lingua das troncais en cada centro pero, no total, galego, castelán e inglés deberán ter o mesmo peso.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desvelou finalmente onte as liñas mestras do seu anunciado decreto sobre o galego no ensino. Xusto no límite da súa propia promesa, que establecía que se presentaría un borrador antes de que rematase o 2009, Feijóo, acompañado do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, entre o público, debullou o que denominou “as bases do decreto do plurilingüismo no ensino en Galicia”, que equipara galego, castelán e inglés excepto na Educación Infantil, onde unha das linguas será sempre maioritaria segundo escolla a maioría dos pais de cada centro.

Estas bases serán agora remitidas ao resto dos partidos e a outras institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega e o obxectivo da Xunta é que o novo modelo entre en vigor o vindeiro curso 2010-2011.

As bases do decreto contemplan que en Educación Infantil sexan os pais, a través dunha enquisa anual, os que decidan por maioría en cada centro o idioma vehicular dos seus fillos na aula. Os profesores, pola súa banda, terán a responsabilidade de que os nenos aprendan tamén as outras dúas linguas.

No caso da Educación Primaria e Secundaria, a consulta aos pais realizarase só cada catro anos. Nela, a maioría de pais de cada centro será a que decida en que lingua se imparten as materias troncais de Matemáticas e Coñecemento do Medio. O resto delas impartiranse nas outras dúas linguas ata compensar o total de xeito que galego, castelán e inglés teñan o mesmo número de horas, un 33%.

Estas son as liñas básicas dun sistema moito máis complexo co que Feijóo asegura que se cumpren todos os condicionantes que tiña sobre a mesa, propios e alleos. Así, o presidente di que se consegue un equilibrio total entre galego e castelán e se introduce unha terceira lingua.

Igualmente, indicou que os alumnos poderán falar na aula –excepto nas clases de linguas– en calquera dos tres idiomas con independencia do que fose elixido para impartir a materia. Feijóo tamén afirmou que con este sistema de tres terzos garantízase a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Segundo dixo, todo iso é tamén compatible con que os pais teñan capacidade de elección sempre dentro dos límites que marcan as sentenzas do Tribunal Supremo, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.

O presidente asegura que o decreto cumpre todos estes condicionantes, aínda que recoñece que a súa posta en funcionamento, no que se refire á introdución do inglés, será complicada, especialmente pola capacitación necesaria dos profesores para impartir determinadas asignaturas. Nin el nin o conselleiro foron capaces de dar unha data para que o inglés alcance ese 33%.

Tamén manifestou que con este sistema de tres terzos se garantiza a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Porén, ante a pregunta de se o sistema finalmente non funciona e se revela que a competencia non é a mesma, o titular da Xunta indicou que “se hai desaxustes será probablemente por problemas pedagóxicos, non do decreto”, trasladando así a responsabilidade aos equipos educativos de cada centro.

CEIPARUA / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

4 comentarios:

  1. Imaxinemos só por un momento que a cousa se quere levar á práctica así:
    1- Alguén pensa que se vai acadar un dominio similar dos dous idiomas?

    2- Poñámonos a aplicalo:
    a/ Cando se matriculan os alumnos, faise o inquérito entre as familias (se pais e nais non queren o mesmo, nada raro, que se maten-.
    b/ Analízanse os resultados. Máis traballo para os equipos directivos nun momento no que xa teñen abondo.
    c/ Lévanse ó Consello Escolar e apróbase a proposta de cada centro. Por fin sábese en que lingua se impartirá cada materia.
    c/ Sabida a lingua que lle corresponde, os departamentos analizan textos nese idioma (Vainos haber nos dous idiomas de todas as materias?)
    d/ Escóllese o libro de texto e pídese.
    Cando por fin os alumnos teñen os textos na clase, debemos andar polas vacacións do Nadal!!!!

    3- Como é moi importante a opinión das familias, escollen... e a súa escolla queda para catro anos (salvo en infantil). Ou sexa, os pais dos nenos de 12 anos escollen en que idioma van estudar 1º de ESO os nenos que aínda teñen 8. Moi ben!

    ResponderEliminar
  2. Un decreto que nin garante a liberdade de escoller, nin garante o bilingüismo (33% de Galego fronte a 66% de Castelán e Inglés), nin por suposto garantirá o trilingüismo porque non hai mestres para impartir matemáticas ou historia en inglés.

    O único que garante este decreto é o lio para os colexios, a imposición para os fillos dos que queden en minoría na votación, o monolingüismo, a ruína para as editoriais galegas, etc.

    A liberdade de escoller deste decreto si que é Ditatorial, xa que os pais que queden dentro do 49% verán como se lle impón un ensino integramente na outra lingua aos seus fillos. E iso si é imposición pois non falamos do 50%, falamos do 66%.

    ResponderEliminar
  3. Vaise esixir un mínimo de participación dos pais ou vai ser suficiente con que participe unha inmensa minoría?
    Está previsto que a decisión inicial perdure durante catro anos. Iso quere dicir que durante catro anos os pais dos novos alumnos que se incorporen a un centro non poderán opinar; tendo en conta que, por exemplo, nun centro de Secundaria, ingresan cada curso en primeiro da ESO uns cen alumnos, durante catro anos os seus pais non poderán opinar e os seus fillos terán que adaptarse ao xa decidido. Se tan importante e fundamental é a opinión dos pais, como se priva deste dereito a uns catrocentos pais? Canta demagoxia!

    Cantos libros terán que editarse en galego, cantos en castelán e cantos en inglés de cada unha das materias? Como van ter que facer as editoriais? Canta demagoxia!

    A cooficialidade está prevista constitucionalmente para o galego e o castelán, que fai o inglés compartindo cooficialidade? Ninguén nega a súa importancia hoxe en día, pero o seu tratamento tería que ser á marxe da cooficialidade. Senón, por que non incluír tamén as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs)? Un cuarto para o galego, un cuarto para o castelán, o cuarto para o inglés e un cuarto para as TICs!!! Canta demagoxia!

    Cando nos claustros hai certa estabilidade do profesorado, pode ser viable manter o proxecto lingüístico durante catro anos, pero que vai suceder nos centros onde cada ano se produce un importante e significativo cambio de profesorado (traslados, interinos...)? A materia que nun curso se daba en inglés pode ser que no seguinte curso non se poida dar por traslado do profesorado correspondente!!! CANTA DEMAGOXIA!!!!

    ResponderEliminar
  4. Baixo a premisa dunha pretendida liberdade, nos centros escolares poderíase dar a situación de que unha minoría que exprese con liberdade a súa opción lingüística para o ensino dos seus fillos, terá que soportar que aprendan na lingua que libremente non escolleron. Viva a liberdade!
    Onde había harmonía, acabouse, pois xa veremos en que situación quedarían as familias ás que se lle deu opción de escoller, e estando convencidas do que queren para os seus fillos, non se lles satisfai e vense obrigados a “pasar polo aro” da opción que non queren.
    Xa temos instalada a confrontación, a polarización e o cabreo nas comunidades educativas. Será ese o obxectivo do decreto?
    Loxicamente, moitas familias buscarían solución a esa situación, e saberían pronto en que escolas se impartirá ensino segundo a súa opción lingüística, e utilizarán a súa liberdade para cambiar aos seus fillos de centro.
    Segregación ao canto: Os galego-falantes acabarían xuntándose en certos centros e os castelán-falantes en outros.
    Obxectivo cumprido???

    ResponderEliminar