Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

20/04/10

Cantamos a ritmo de bossa nova, tango, sirtaki... con Almudena Janeiro

CEIPARUA

O venres no Auditorio participamos todo o colexio do espectáculo musical "Contos en cantos". Puidemos comprobar in situ que en vivo a voz de Almudena Janeiro segue sendo tan doce como no CD. E, como era de esperar, o éxito rotundo foi para "Cocorico" e "Chocolata".

Roni anímavos a ler, mirar, escoitar e cantar na nosa biblioteca! 


Mariluz Avestruz ten unha magnífica cola. Pola noite, para non esmagala, dorme coa cabeza enterrada e coa cola ao aire. Unha mañá, ao espertar, estira o pescozo e decátase de que non pode mover a cabeza. Mariluz patexa, espernexa, abanea a cola e tira, e tira, e tira… pero a cabeza está atrancada e de aí non se move. Se quere soltarse, non terá máis remedio que pedir axuda.




Cocorico é un pitiño que vive feliz coa súa nai. Un día que MamáGaliña vai facer biscoito, o pitiño ofrécese a ir pola leña para acender o forno. Cando está en plena faena, aparece un gato enorme e malvado que o quere devorar. De milagre, Cocorico salva a vida porque lle promete que lle dará a metade da merenda. Mais, unha vez pasado o perigo, o lambón de Cocorico esquece o trato e come o biscoito enteiro. A mamá anóxase: vai vir Gato Pelado e vaite comer dun bocado! Nisto escoitan un ruído na porta: É Gato Pelado reclamando a súa metade de biscoito…


"Sígueme!" Un elefante gris con lunares morados, que vive nunha selva, namora dunha formiga negra con cintura de avespa. O seu amor é correspondido, pero para estaren xuntos quédalles un longo camiño por percorrer. A formiga convida o elefante a que a siga, e este, sen pensalo dúas veces, vai detrás dela. Percorre unha senda bordeada de árbores, métese ata o fondo dunha cesta de costura, nada dentro dunha botella de auga… Despois de moito andar, o elefante e a formiga atópanse e gozan do seu amor. Un amor con cintura de avespa e lunares morados… que non ten nada de raro!


Veña, animádevos a ler sen perder o ritmo!!

CEIPARUA / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

0 comentarios:

Publicar un comentario