Subscríbete mediante RSS

pon o teu Email

14/05/10

PERSENSAR: Conferencia de Carmen Loureiro

CEIPARUA


Os pais, nais e profesores/as do CEIP A Rúa asistimos hoxe a unha marabillosa charla impartida por Carmen Loureiro, mestra e profesora de linguas do IES de Vilagarcía de Arousa. Carmen hai anos que forma parte dun grupo que investiga as posibilidades da filosofía para nenos/a, e coa súa graza e habilidade comunicativa animounos aos pais e nais na difícil tarefa de educar. 

A súa charla tiña por título: "Como estimular a curiosidade e a aprendizaxe nos nosos fillos e fillas". Falounos primeiro da pirámide das necesidades, e que para que un neno/a disfrutase coa actividade diaria era preciso que tivese previamente outras necesidades básicas cubertas (fisiolóxicas, seguridade, amor e pertenza e, autoestima). Estas necesidades precisaban ser cubertas na súa xusta medida, é dicir, os pais/nais temos que ter coidado de que aos nosos fillos/as non lles falte de nada, pero tamén de que non se afoguen nos excesos. Debemos fomentar a súa autoestima, autonomía e responsabilidade persoal dende ben pequenos.


Logo falounos da importancia de educar tres dimensións principais do ser humano: percibir, sentir e pensar (de aí a palabra PERSENSAR). Percibir quere dicir ensinarlle ao neno/a enfocar a atención nos seus sentidos, de xeito que se faga consciente de que existen sabores, cores, aromas, texturas, formas... e iso podémosllo ensinar no día a día poñéndoo diante de experiencias diversas de tipo sensorial. Ensinar a sentir implica cultivar a sensibilidade humana, a empatía cos nosos semellantes. Ensinar a pensar supón formarse un pensamento analítico e crítico coa realidade.

Non existe unha única intelixencia, como se pensaba aínda hai poucos anos. As modernas teorías da psicoloxía falan de intelixencias múltiples, e a nosa tarefa como pais/nais e educadores é cultivalas todas na medida do posible. Temos así a intelixencia emocional, a intelixencia lingüística, matemática, musical, artística, etc. E o mellor xeito de cultivalas e poñendo ao neno/a en situacións reais ou o máis reais posibles e buscando sempre a súa implicación e estimulando a súa curiosidade. Podemos utilizar moitos recursos: os contos, a música, a arte, a natureza...

Como colofón final teremos que lembrar que nós, os pais/nais e mestres somos os modelos que os nosos fillos/as imitan, e que moitas das cousas que aprenden fano xusto cando nos están mirando sen que nos deamos de conta, mentres nós temos a atención posta noutro lado.

Moitas grazas, Carmen :-)

CEIPARUA / Autor/a

Os autores e autoras das publicacións son mestres do CEIP A Rúa

0 comentarios:

Publicar un comentario